As boas noticias segundo Mateo 19:1-30

  • O matrimonio e o divorcio (1-9)

  • O don de manterse solteiro (10-12)

  • Xesús bendice uns nenos (13-15)

  • A pregunta dun mozo que era rico (16-24)

  • Os sacrificios que se fan polo Reino (25-30)

19  Cando Xesús acabou de falar destas cousas, saíu de Galilea e chegou ós límites de Xudea, ó outro lado do río Xordán.  Moitas persoas seguírono ata alí, e el curou a tódolos enfermos.  Uns fariseos que querían poñelo a proba acercáronse e preguntáronlle: “Está permitido que un home se divorcie da súa muller por calquera motivo?”.  El respondeulles: “Seica non lestes que, no principio, quen creou os humanos fíxoos home e muller  e díxolles: ‘Por esta razón, o home deixará o seu pai e a súa nai, unirase* á súa muller e os dous serán unha soa carne*​’?  Así que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus uniu*​, que non o separe ningún home”.  Eles dixéronlle: “E logo, por que Moisés lle mandou ó home que quixese divorciarse da súa muller que lle dese un certificado de divorcio e despois a despedise?”.  El respondeulles: “Moisés permitiu que vos divorciásedes das vosas mulleres porque tedes o corazón duro, pero ó principio non era así.  Eu dígovos que todo home que se divorcie da súa muller, a non ser que sexa por inmoralidade sexual*​, e case con outra, comete adulterio”. 10  Os discípulos dixéronlle: “Se isto é así entre un home e a súa muller, é mellor non casar”. 11  El díxolles: “Non todos son capaces de facer o que vos estou dicindo, só os que teñen o don*​. 12  Algúns eunucos* xa naceron así, a outros fixéronos eunucos os homes, pero hai outros que se fixeron eunucos eles mesmos polo Reino dos ceos. Quen poida cumprir con isto, que o faga”. 13  Despois, trouxéronlle algúns nenos para que os bendicise e orase por eles, pero os discípulos chamáronlles a atención. 14  Entón Xesús díxolles: “Deixade os nenos tranquilos. Non intentedes impedirlles que se acerquen a min, porque o Reino dos ceos é dos que son coma eles”. 15  E el bendiciu os nenos e marchou de alí. 16  Máis tarde, acercouse un home e preguntoulle: “Mestre, que cousas boas teño que facer para conseguir a vida eterna?”. 17  El díxolle: “Por que me preguntas a min polo que é bo? Só hai un que é bo. Aínda así, se queres conseguir a vida, obedece sempre os mandamentos”. 18  El preguntoulle: “Cales?”. E Xesús contestoulle: “Non asasines, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, 19  honra a teu pai e a túa nai, e ama os demais* como te amas a ti mesmo”. 20  O mozo contestou: “Iso xa o fago sempre. Que é o que me falta?”. 21  Xesús respondeulle: “Se queres ser perfecto*​, vende o que tes e dálles os cartos ós pobres, e así terás un tesouro no ceo. Despois ven e sígueme”. 22  Cando o mozo escoitou isto, marchou moi triste porque tiña moitos bens. 23  Entón, Xesús díxolles ós seus discípulos: “Asegúrovos que para un rico será difícil entrar no Reino dos ceos. 24  E tamén vos aseguro que é máis fácil para un camelo pasar polo burato* dunha agulla que para un rico entrar no Reino de Deus”. 25  Cando escoitaron isto, os discípulos quedaron moi sorprendidos e dixeron: “Entón, quen se poderá salvar?”. 26  Xesús mirounos ós ollos e díxolles: “Para os humanos isto é imposible, pero para Deus tódalas cousas son posibles”. 27  Entón Pedro dixo: “Mira que nós xa o deixamos todo e seguímoste. Que vai haber para nós?”. 28  Xesús respondeulles: “Asegúrovos que cando chegue o tempo de facelo todo novo* e o Fillo do Home se sente no seu grandioso trono, vós, os que me seguistes, sentarédesvos en 12 tronos e xulgaredes as 12 tribos de Israel. 29  E todo aquel que deixou casas, irmáns, irmás, pai, nai, fillos ou terras por ser discípulo meu recibirá 100 veces máis e herdará a vida eterna. 30  ”Pero moitos dos primeiros serán os últimos, e moitos dos últimos serán os primeiros.

Notas ó pé

A palabra grega orixinal significa adherirse firmemente, coma con pegamento.
Ou “un só ser”.
Ou “puxo baixo o mesmo xugo”.
Ou “a non ser que ela lle fose infiel”. En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
É dicir, só os que aceptan o don de manterse solteiros.
Ou “ama o teu próximo”.
É dicir, ser completo ós ollos de Deus.
Ou “ollo”.
Ou “na recreación”.