Ir ó contido

Ir ó índice

A saúde mental é unha preocupación mundial

A saúde mental é unha preocupación mundial

“Sempre teño algo de ansiedade, incluso cando creo que non hai razóns para tela.”

“Cando me sinto demasiado ben, empezo a preocuparme. Sei perfectamente que despois vou estar de baixón.”

“Intento centrarme só nas preocupacións de cada día, pero ás veces empezo a sentir ansiedade por moitas outras cousas.”

Estes comentarios son de persoas que están padecendo algunha enfermidade relacionada coa saúde mental. Sénteste identificado con algún deles? Quizais ti ou alguén da túa familia esteades a loitar contra sentimentos parecidos.

Podes ter a seguridade de que non es o único nesta situación. Moitas persoas vense afectadas por problemas relacionados coa saúde mental, sexan seus ou doutros seres queridos.

Non hai dúbida de que vivimos en “tempos críticos e difíciles de soportar”, e isto fai que teñamos moitas preocupacións (2 Timoteo 3:1TNM). Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), un estudo calculou que, por todo o mundo, unha de cada oito persoas sofre algunha clase de trastorno mental. Ademais, segundo a OMS, a pandemia da COVID-19 fixo que en 2020 aumentasen nun 26% os casos de ansiedade e nun 28% os trastornos depresivos graves.

É certo que é importante saber cantas persoas sofren ansiedade e depresión, pero máis importante aínda é saber o que podemos facer nós e a nosa familia para sentirnos o mellor posible.

Que implica ter boa saúde mental?

Ter boa saúde mental implica sentirse ben e levar unha vida normal. Isto significa ser capaz de enfrontarse ás preocupacións diarias, de traballar de forma produtiva e de sentirse satisfeito na vida.

Un trastorno mental:

  • NON É o resultado dunha personalidade débil ou de algo malo que se fixese.

  • É un problema de saúde que provoca moita angustia á persoa que o sofre, dificúltalle controlar as emocións, e cambia a súa forma de pensar e de actuar.

  • Moitas veces fai que á persoa lle sexa máis difícil relacionarse cos demais.

  • Pode afectar a persoas de calquera idade, nivel educativo ou económico, cultura, raza, tribo ou relixión.

Como coidar da nosa saúde mental

Ás veces, unha persoa pode empezar a notar cambios na súa personalidade, a sufrir trastornos no sono ou na alimentación, ou a pasar por períodos longos de estrés, de ansiedade ou de tristeza. Cando isto sucede, poida que a persoa necesite axuda profesional para entender cal é a causa destes cambios e como buscarlles solución. Onde se pode atopar a axuda necesaria?

O home máis sabio da historia, Xesucristo, dixo en certa ocasión: “Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico” (Mateo 9:12). A terapia e a medicación adecuadas poden facer que as persoas con problemas de saúde teñan menos síntomas, e poidan desfrutar dunha vida feliz e produtiva. Se os síntomas son graves ou duran moito tempo, o mellor é non pospoñer o tratamento. a

Aínda que a Biblia non é un libro de medicina, pode axudarnos a coidar da nosa saúde mental. Invitámoste a ler os seguintes artigos que explican como a Biblia pode axudarnos cando pasamos por problemas desta clase.

a A Atalaia non recomenda ningún tratamento en particular. Cada persoa debería analizar con coidado as opcións dispoñibles antes de tomar unha decisión.