Ir ó contido

Ir ó índice

Os masoretas copiaron con moito coidado as Escrituras

TEMA DE PORTADA | A BIBLIA. UNHA HISTORIA DE SUPERVIVENCIA

A Biblia sobrevive ós intentos de alterar a súa mensaxe

A Biblia sobrevive ós intentos de alterar a súa mensaxe

O ATAQUE. Nin a deterioración dos materiais nin os ataques dos opositores puideron acabar coa Biblia. Pero houbo copistas e tradutores que tentaron cambiar a mensaxe da Biblia para que se adaptase ás súas doutrinas, no canto de adaptar as súas doutrinas ó que di a Biblia. Imos ver algúns exemplos:

  • O lugar de adoración. Entre os séculos IV e II antes da nosa era, os escritores do Pentateuco Samaritano inseriron despois de Éxodo 20:17 as seguintes palabras: “no Monte Guerizim. E construirás alí un altar”. Deste xeito, os samaritanos quixeron facer que as Escrituras apoiasen a súa construción dun templo alí mesmo, no Monte Guerizim.

  • A doutrina da Trindade. Apenas pasaran trescentos anos dende que se completou a Biblia, cando un escritor trinitario lle engadiu a 1 Xoán 5:7 as palabras “no ceo: o Pai, o Verbo e o Espírito Santo; e estes tres son un”. Esta afirmación non aparecía no texto orixinal. Segundo o biblista Bruce Metzger, “dende o século VI en diante, [estas palabras] atópanse con máis e máis frecuencia en manuscritos da Vetus Latina e da Vulgata latina”.

  • O nome de Deus. Baseándose nunha superstición xudía, moitos tradutores da Biblia decidiron eliminar o nome de Deus das Escrituras. Substituírono por títulos como Deus ou Señor, expresións que na Biblia non se usan só para referirse ó Creador senón tamén a homes, a obxectos de adoración falsa e ata ó Demo (Xoán 10:34, 35; 1 Corintios 8:5, 6; 2 Corintios 4:4). a

COMO SOBREVIVIU A BIBLIA. Primeiro, malia que algúns copistas da Biblia foron descoidados e ata deshonestos, moitos outros foron moi hábiles e meticulosos. Entre os séculos VI e X, os masoretas copiaron as Escrituras Hebreas e crearon o que se coñece como texto masorético. Dise que contaban as palabras e as letras para evitar que se introducisen erros por descoido. Cando lles parecía que o texto do que copiaban contiña algún erro, facían unha anotación na marxe da copia. Os masoretas negáronse a alterar o texto bíblico. Segundo o profesor Moshe Goshen-Gottstein, modificar adrede o texto orixinal “constituía para eles o peor crime posible”.

Segundo, a gran cantidade de manuscritos que hoxe temos dispoñibles axúdalles ós biblistas a detectar os erros. Durante séculos, os líderes relixiosos ensinaron que as súas versións en latín contiñan o texto auténtico da Biblia. Por iso engadiron a 1 Xoán 5:7 a frase espuria da que xa falamos neste artigo. Ese erro ata se introduciu en traducións moi prestixiosas como a Biblia do rei Xacobe en inglés e a versión Reina-Valera en español. Pero, que revelaron outros manuscritos que se descubriron despois? O biblista Bruce Metzger escribiu: “A frase [de 1 Xoán 5:7] non aparece nos manuscritos de ningunha das versións antigas (en siríaco, copto, armenio, etiópico, árabe, eslavo), excepto nas versións en latín”. Como resultado, versións revisadas da Biblia do rei Xacobe, da Reina-Valera e doutras traducións retiraron a frase incorrecta.

Papiro Chester Beatty P46, manuscrito bíblico que data aproximadamente do ano 200 da nosa era

Demostran os manuscritos máis antigos que a mensaxe da Biblia non foi alterada? Cando se atoparon os rolos do Mar Morto en 1947, os eruditos por fin puideron comparar o texto masorético hebreo co que aparecía nestes rolos da Biblia que se escribiran máis de mil anos antes. Un membro do equipo editorial dos rolos do Mar Morto chegou a esta conclusión: un rolo “ofrece proba irrefutable de que a transmisión do texto bíblico a mans dos copistas xudeus ó longo de máis de mil anos foi extremadamente fiel e coidada”.

A Biblioteca Chester Beatty de Dublín (Irlanda) conta cunha colección de papiros de case tódolos libros das Escrituras Gregas Cristiás, o que inclúe algúns manuscritos que datan do século II, só uns cen anos despois de que se completase a Biblia. The Anchor Bible Dictionary comenta: “Aínda que os papiros ofrecen abundante información nova sobre detalles do texto, tamén demostran unha estabilidade sobresaínte na transmisión do texto bíblico ó longo da historia”.

“Pode dicirse con total seguridade que ningunha outra obra da antigüidade se transmitiu con tanta exactitude”

O RESULTADO. No canto de corromper o texto da Biblia, a gran cantidade de manuscritos e a antigüidade destes fixérono aínda mellor. Sir Frederic Kenyon escribiu: “Ningún outro libro antigo dispón de copias tan temperás e abundantes, e ningún estudoso imparcial negaría que o texto que chegou ata nós é sumamente fiable”. En canto ás Escrituras Hebreas, o erudito William Henry Green afirmou: “Pode dicirse con total seguridade que ningunha outra obra da antigüidade se transmitiu con tanta exactitude”.

a Para máis información podes consultar os Apéndices A4 e A5 de A Biblia. Tradución do Novo Mundo dispoñible en español en www.dan124.com.