Ir ó contido

Predixo a Biblia como sería a xente hoxe en día?

Predixo a Biblia como sería a xente hoxe en día?

O que di a Biblia

 Si, a Biblia predixo que a maneira de actuar e pensar das persoas empeoraría neste tempo. A maioría da xente rexeitaría os valores morais que nos axudan a levarnos ben (2 Timoteo 3:1-5). a A Biblia tamén dixo que algunhas persoas non seguirían este camiño. Máis ben, coa axuda de Deus, moitas persoas se esforzarían por pensar e actuar como el quere (Isaías 2:2, 3).

Neste artigo responderemos as seguintes preguntas:

 Que predixo a Biblia sobre a forma de pensar e actuar da xente hoxe en día?

 A Biblia describe algunhas características negativas que serían comúns na xente, todas elas causadas polo egoísmo. As persoas non terían autocontrol, tan só se amarían a si mesmas e amarían os praceres en vez de a Deus (2 Timoteo 3:2-4).

 Nos nosos días esta profecía estase cumprindo, as persoas viven centradas en si mesmas, no que lles importa e no que as fai sentirse realizadas. Tal e como se predixo, cada vez é máis común ver persoas que só se preocupan por elas. Moitas pensan tanto en si mesmas que non aman o que é bo e non son capaces de valorar as boas calidades. Son desagradecidas e non teñen a necesidade de dar as grazas polo que teñen ou polo que outros fan por elas (2 Timoteo 3:2, 3).

 Segundo a Biblia, o egoísmo é a raíz das seguintes características que a xente tería hoxe en día. Serían:

  •   Cobizosos: Moitas persoas aman os cartos e miden o seu éxito na vida polo que teñen (2 Timoteo 3:2).

  •   Orgullosos: Moita xente é “fachendosa” e “presumida”, está chea de orgullo (2 Timoteo 3:2, 4). Gábanse e esaxeran as súas habilidades, calidades e posesións.

  •   Calumniadores: Por todas partes podemos atopar xente blasfema e calumniadora (2 Timoteo 3:2, 3). É dicir, que insultan a outras persoas, a Deus ou que din mentiras sobre eles.

  •   Teimudos. Moita xente é desleal, non está disposta a chegar a acordos, é traizoeira e teimuda (2 Timoteo 3:2-4). Demóstrano cando se negan a ceder, a atopar solucións ou a cumprir coa súa palabra.

  •   Violentos: Moitas persoas son agresivas, déixanse levar pola ira e moitas veces iso lévaos a actuar de forma violenta ou moi cruel (2 Timoteo 3:3).

  •   Rebeldes: Xesús predixo que durante os nosos días crecería a maldade (Mateo 24:12). Tamén predixo que habería “guerras e desordes” (Lucas 21:9).

  •   Non amarían a súa familia: Como moitos non obedecen os seus pais e non teñen cariño natural, nas familias cada vez hai máis persoas que están desatendidas, sofren abusos ou son tratadas con violencia (2 Timoteo 3:2, 3).

  •   Hipócritas ó adorar a Deus: Cada vez máis persoas aparentan ter devoción a Deus (2 Timoteo 3:5). Pero en vez de facer o que Deus quere, seguen os líderes relixiosos porque lles din o que queren escoitar (2 Timoteo 4:3, 4).

 Como lles afectaría o egoísmo das persoas ós demais?

 Como moita xente é egoísta, cada vez son máis os que sofren problemas mentais e emocionais (Eclesiastés 7:7). Por exemplo, os que aman os cartos aprovéitanse doutros. As persoas que non teñen cariño natural pode que abusen dos membros da súa familia, sendo posible que isto provoque depresión ou mesmo o suicidio. Os que son desleais ou traidores deixan profundas feridas emocionais nas súas vítimas.

 Por que a xente iría de mal en peor?

 A Biblia explica as verdadeiras razóns polas que a xente cambiou:

  •   O amor sincero por Deus e polas persoas está diminuíndo. Polo tanto, cada vez hai máis egoísmo (Mateo 24:12).

  •   Satanás, o Demo, foi botado do ceo á Terra (Apocalipse 12:9, 12). Dende entón, fixo todo o posible para que as persoas sexan aínda máis egoístas (1 Xoán 5:19).

 Que deberiamos facer cando a xente ó noso arredor actúe mal?

 A Palabra de Deus di: “Ti con xente desa non te xuntes” (2 Timoteo 3:5). Isto non significa que debamos evitar estar con outras persoas. Con todo, debemos evitar ter unha amizade estreita con persoas egoístas e que viven apartadas de Deus (Santiago 4:4).

 Iría todo o mundo de mal en peor?

 Non. A Biblia predixo que algúns lamentaríanse e suspirarían “por causa de tódalas abominacións que se cometen” (Ezequiel 9:4). Eles rexeitarían o egoísmo e guiarían a súa vida polas normas de Deus. As súas palabras e accións serían diferentes do resto da xente (Malaquías 3:16, 18). Por exemplo, tratarían de manter a paz con tódalas persoas e rexeitarían as guerras e a violencia (Miqueas 4:3).

 Afundirase toda a sociedade no caos?

 Non. A sociedade humana non se afundirá por completo. Deus promete que pronto eliminará os malvados que decidan desobedecer as súas normas (Salmo 37:38). El establecerá “unha terra nova”, é dicir, unha nova sociedade humana na nosa Terra, onde a xente boa vivirá en paz para sempre (2 Pedro 3:13; Salmo 37:11, 29). Isto non é unha fantasía. Mesmo agora, a Biblia axúdalles ás persoas a cambiar a súa vida e a vivir de acordo coas normas de Deus (Efesios 4:23, 24).

a As profecías da Biblia e as condicións do mundo demostran que vivimos nos “días derradeiros”, tempos difíciles e perigosos (2 Timoteo 3:1).