Ir ó contido

Que di a Biblia sobre Daniel?

Que di a Biblia sobre Daniel?

O que di a Biblia

 Daniel foi un destacado profeta xudeu que viviu nos séculos sete e seis a. n. e. Deus permitiulle que interpretase soños, deulle visións sobre acontecementos que terían lugar no futuro e inspirouno para escribir o libro da Biblia que leva o seu nome (Daniel 1:17; 2:19).

Quen foi Daniel?

 Daniel creceu en Xudá, un reino que incluía a cidade de Xerusalén e o templo xudeu. En 617 a. n. e. o rei de Babilonia, Nabucodonosor, cercou Xerusalén e levou “ós grandes do país” presos ó exilio en Babilonia (2 Reis 24:15; Daniel 1:1). Daniel, que probablemente era adolescente para ese tempo, foi levado con eles.

 Daniel e outros mozos (incluídos Xadrac, Mixac e Abednegó) foron levados ó palacio de Babilonia para recibir unha preparación especial e servirlle ó rei. Aínda que os puxeron baixo presión para que fixesen cousas que sabían que estaban mal, Daniel e os seus tres amigos permaneceron fieis ó seu Deus, Xehová (Daniel 1:3-8). Despois de que recibiran tres anos de preparación, o rei Nabucodonosor encomiounos pola súa sabedoría e as súas habilidades. De feito, considerounos “dez veces superiores a tódolos meigos e adiviños que existían en todo o seu reino”. Despois nomeou a Daniel e ós seus amigos para servir na corte real (Daniel 1:18-20).

 Décadas máis tarde, cando Daniel tiña uns noventa anos, citárono para ir ó palacio. Un home chamado Baltasar, que nese tempo gobernaba en Babilonia, pediulle a Daniel que interpretase algo que unha man escribira misteriosamente na parede. Coa axuda divina, Daniel reveloulle que Babilonia caería ante o imperio medopersa. Babilonia foi tomada esa mesma noite (Daniel 5:1; 5:13-6:1 [5:13-31, TNM]).

 Baixo o goberno dos medos e dos persas, Daniel foi nomeado ministro, ou oficial, e o rei Darío quixo ascendelo aínda máis (Daniel 6:2-4 [6:1-3, TNM]). Algúns oficiais que tiñan envexa, conspiraron para asasinar a Daniel facendo que o botasen a unha fosa chea de leóns, pero Xehová rescatouno (Daniel 6:5-24 [6:4-23, TNM]). Cara a fin da vida de Daniel, un anxo aparecéuselle e confirmoulle dúas veces que el era un “home moi valioso” (Daniel 10:11, 19, TNM).

 Se queres darlle vida a estes sucesos, mira as dúas partes da produción audiovisual Daniel, un home de fe.