Ir ó contido

PREGUNTAS DA XUVENTUDE

Que debería saber sobre fumar e usar cigarros electrónicos?

Que debería saber sobre fumar e usar cigarros electrónicos?

 “Onde vivo é raro atopar a alguén con menos de 25 anos que nunca fumase ou vaporease” (Julia).

Neste artigo imos falar sobre:

 O que debes saber

  •   Os cigarros poden matarte. A substancia principal do tabaco é a nicotina. É tóxica e moi aditiva. Segundo un informe dos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos, “o consumo de tabaco é unha das principais causas evitables de morte prematura e de enfermidades en todo o mundo”.

     “Traballo facendo ecografías. Vin moitas imaxes que demostran como lles afecta ó corpo dos pacientes fumar. É impresionante a acumulación de placa nas arterias dos exfumadores. Valoro demasiado o meu corpo como para pensar en fumar” (Theresa).

     Sabíalo? Os cigarros conteñen máis de 7000 substancias químicas, moitas das cales son tóxicas. Cada ano millóns de persoas morren por enfermidades causadas polo tabaco.

  •   Os cigarros electrónicos conteñen substancias químicas tóxicas. Os expertos cren que usar cigarros electrónicos está relacionado con enfermidades pulmonares e mesmo coa morte. Igual que o tabaco, os cigarros electrónicos tamén conteñen nicotina. Unha folla informativa sobre os cigarros electrónicos di que, como a nicotina é moi aditiva, pode “provocar que a xente nova chegue a ser adicta a outras drogas”. a

     “Algúns cigarros electrónicos teñen un sabor doce, parecido a algodón de azucre ou cereixa, que atraen especialmente a mozos e adolescentes. O sabor failles que ignoren o perigo” (Miranda).

     Sabíalo? O vapor dos cigarros electrónicos non só é auga. Contén partículas de substancias nocivas, mesmo de metais pesados, que acaban nos teus pulmóns.

 Riscos relacionados con fumar e vaporear

  1.  1) Problemas cognitivos, déficit de atención e problemas relacionados co estado de ánimo, en especial, en cerebros que aínda se están desenvolvendo

  2.  2) Enxivas inflamadas e caries dentais

  3.  3) Inflamación crónica dos pulmóns e enfermidades do corazón

     Empeoramento da asma

     Malestar estomacal e náuseas

 O que podes facer

  •   Busca información. Non creas todo o que escoitas como, por exemplo, que vaporear ou usar cigarros electrónicos non fai mal ou que é unha boa maneira de liberar estrés. Investiga e toma a túa propia decisión.

     Principio bíblico: “O inxenuo dá creto ó que sexa, o asisado calcula os seus pasos” (Proverbios 14:15).

     “Ás veces os famosos ou os teus compañeiros queren que penses que fumar ou vaporear é tan só unha diversión inofensiva, pero cando pensas nos efectos negativos, dáste conta de que é algo máis ca iso” (Evan).

     Pensa nisto: De verdade os mozos que fuman ou vaporean son máis felices? Están mellor preparados para facerlle fronte ó estrés, tanto agora coma no futuro? Ou están dando o primeiro paso para ter máis problemas?

  •   Busca outras maneiras de combater a ansiedade. Facer exercicio, ler ou pasar tempo cos amigos, poden ser algunhas boas maneiras de loitar contra a ansiedade. Como tes moitas cousas boas nas que pensar, non sentirás a necesidade de fumar.

     Principio bíblico: “A ansiedade no corazón do home angústiao, a verba agarimosa alégrao” (Proverbios 12:25).

     “A xente pensa que fumar ou vaporear alivia o estrés. Pero, no mellor dos casos, só é un alivio temporal que terá efectos negativos permanentes na túa saúde. Hai mellores maneiras de loitar contra o estrés” (Angela).

     Pensa nisto: De que formas podes combater o estrés? Se necesitas axuda, mira o artigo “¿Cómo puedo dejar de preocuparme por todo?”.

Confiar nunha substancia aditiva para loitar contra a ansiedade é coma saltar no medio do mar para evitar a choiva. Só vai empeorar os problemas!

  •   Prepárate para resistir a presión de grupo. A presión pode vir dos teus compañeiros de clase ou mesmo do teu entretemento. A miúdo as películas, os programas de televisión e as redes sociais poden facer que fumar e vaporear pareza divertido.

     Principio bíblico: “[As] persoas maduras [. . .] adestraron a súa capacidade de discernimento para distinguir o que está ben do que está mal” (Hebreos 5:14, TNM).

     “Cando estaba na escola, moitos dos meus compañeiros respectaban que eu non fumase nin utilizase cigarros electrónicos. En canto deixei claro que non ía fumar, logo ata me defendían. Así que, aínda que pareza raro, deixar claras as túas ideas pode ser unha protección” (Anna).

     Pensa nisto: Es capaz de resistir a presión dos teus compañeiros? Lembras algunha ocasión na que o fixeses? Se necesitas axuda, vai a “Estrategia contra la presión de grupo” no capítulo 15 do libro Lo que los jóvenes preguntan. Respuestas prácticas (volumen 2).

  •   Escolle os teus amigos con coidado. Sentiraste menos tentado a fumar ou vaporear se os teus amigos pensan o mesmo ca ti neste asunto.

     Principio bíblico: “Vai onda os sabios: voltarás sabio; quen fai compaña ós necios, terá que sufrir” (Proverbios 13:20).

     “Ter amigos que sexan firmes e teñan autocontrol é unha grande axuda. Cando ves que a eles lles vai ben, sénteste motivado a ser coma eles” (Calvin).

     Pensa nisto: Axúdanche os teus mellores amigos a levar un estilo de vida limpo e saudable, ou fancho máis difícil?

 Que din da marihuana?

 Moita xente di que a marihuana é inofensiva. Pero iso é mentira!

  •   Os mozos que consomen marihuana corren o risco de facerse adictos a ela. Algúns estudos demostran que a marihuana pode danar o teu cerebro de forma permanente, incluso pode reducir o teu coeficiente intelectual.

  •   Segundo a Administración de Saúde Mental e Abuso de Substancias dos Estados Unidos, os estudos demostran que “as persoas que consomen marihuana son máis propensas a ter problemas nas súas relacións persoais, a obter peores resultados nos seus estudos ou na súa carreira profesional e a levar vidas menos satisfactorias”.

     “Tiven a tentación de fumar marihuana, sobre todo, para rebaixar a miña ansiedade. Pero cando pensei na adición que me podería xerar, nos cartos que ía gastar e nos efectos que tería na miña saúde, entón deime conta de que fumar marihuana só aumentaría a miña ansiedade” (Judah).

a  E-Cigarette Use Among Youth and Young Adults. A Report of the Surgeon General.