Ir ó contido

Que pensan dos funerais as testemuñas de Xehová?

Que pensan dos funerais as testemuñas de Xehová?

 As testemuñas de Xehová baseamos as nosas opinións e prácticas funerarias en ensinanzas bíblicas coma as seguintes:

  •   É normal estar triste pola morte dun ser querido. Os discípulos de Xesús choraron a morte dos seus seres queridos (Xoán 11:33-35, 38; Feitos 8:2; 9:39). Para nós un funeral non é unha ocasión festiva (Eclesiastés 3:1, 4; 7:1-4). Máis ben, vémolo como un momento para demostrar empatía (Romanos 12:15).

  •   Os mortos están inconscientes. Sexa cal sexa a nosa raza ou cultura, non participamos en nada que se basee na crenza non bíblica de que o morto está consciente e pode influír dalgún xeito nos vivos (Eclesiastés 9: 5, 6, 10). Por iso nin intentamos comunicarnos cos mortos, nin lles facemos ofrendas ou peticións. Tampouco celebramos funerais ostentosos, cabodanos ou ritos de viuvez. Evitamos estes costumes porque a Biblia di que non toquemos o que “é impuro” (2 Corintios 6:17).

  •   Hai esperanza para quen morreu. A Biblia ensina que chegará o día no que os mortos resucitarán, e a morte xa non existirá (Feitos 24:15; Apocalipse 21:4). Tal como axudou ós primeiros cristiáns, esta esperanza axúdanos a evitar prácticas que levan a dó ó extremo (1 Tesalonicenses 4:13).

  •   A Biblia aconsella que sexamos modestos. (Proverbios 11:2). Non pensamos que un funeral sexa unha ocasión para chamar a atención sobre a nosa posición social ou nivel económico (1 Xoán 2:16). Así que non organizamos funerais ostentosos nin empregamos cadaleitos excesivamente caros. Nesas ocasións tampouco nos vestimos para impresionar os presentes.

  •   Non impoñemos ós demais as nosas crenzas sobre os funerais. Seguimos este consello da Biblia: “Cada un de nós dará conta de si a Deus” (Romanos 14:12). Así a todo, de ter a oportunidade, explicamos as nosas crenzas con “bo xeito e respecto” (1 Pedro 3:16 [3:15, NM]).

Como son os funerais que celebramos?

 O lugar. Se a familia opta por organizar un funeral, este poderase celebrar onde eles escollan: na Sala de Reunións, no tanatorio, na casa, no crematorio ou no cemiterio.

 O funeral. Para consolar a familia e os achegados, preséntase unha conferencia baseada no que a Biblia ensina sobre a morte e a esperanza da resurrección (Xoán 11:25; Romanos 5:12; 2 Pedro 3:13). Durante a conferencia, pódense recordar os aspectos positivos da personalidade do falecido, talvez destacando o que podemos aprender do seu exemplo de fe (2 Samuel 1:17-27).

 Como parte do funeral, ás veces cántase unha canción baseada na Biblia (Colosenses 3:16). O servizo relixioso conclúe cunha oración para confortar os presentes (Filipenses 4:6, 7).

 Custo do servizo relixioso ou colectas. Non cobramos por ningún servizo relixioso, incluídos os funerais. Nas nosas reunións nunca facemos colectas (Mateo 10:8).

 Asistencia. Tódalas persoas que desexen asistir a un funeral nunha Sala de Reunións son benvidas, sexan ou non testemuñas de Xehová. Igual có resto das nosas reunións, os funerais están abertos ó público.

Asistimos a funerais doutras relixións?

 Cada testemuña de Xehová debe decidir por si mesma en conformidade co que ensina a Biblia (1 Timoteo 1:19). Con todo, non participamos en cerimonias relixiosas que, ó noso entender, non harmonizan coas ensinanzas bíblicas (2 Corintios 6:14-17).