Ir ó contido

Por que as testemuñas de Xehová non celebran certas festividades?

Por que as testemuñas de Xehová non celebran certas festividades?

 Como deciden as testemuñas de Xehová se celebrar certa festa?

 Antes de decidir se celebraremos certa festa, as testemuñas de Xehová consultamos a Biblia. Cando unha festividade ou celebración está en claro conflito co que ensina a Biblia, as testemuñas de Xehová non participamos. Noutros casos, cada testemuña de Xehová debe tomar a súa decisión, asegurándose de “ter unha conciencia sen lixo diante de Deus e diante dos homes” (Feitos 24:16).

 A continuación aparece unha serie de preguntas que as testemuñas de Xehová nos facemos para decidir se celebrar ou non certa festividade. a

  •   Baséase nunha ensinanza non bíblica?

     O que di a Biblia. “Saíde do medio desa xente, afastádevos, non toquéde-lo que é impuro” (2 Corintios 6:15-17).

     Para afastarnos e non tocar o impuro, é dicir, contrario ás ensinanzas da Biblia, as testemuñas de Xehová non celebramos festas que teñan calquera das seguintes características:

     Festividades baseadas no culto a outros deuses. Xesús dixo: “Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto” (Mateo 4:10). Seguindo este mandamento, as testemuñas de Xehová non celebramos o Nadal, a Pascua nin os Maios, porque están baseadas no culto a outros deuses. Ademais, tampouco celebramos as seguintes festas:

    •  Kwanzaa. O nome desta festa afroamericana “vén do suahili matunda ta kwanza, que significa ‘primeiros froitos’, o que indica que a súa orixe está relacionada coas festas da colleita celebradas en África” (Encyclopedia of Black Studies). Inda que hai quen non a considera unha festa relixiosa, a Encyclopedia of African Religion compáraa a unha festa africana que consiste en ofrecer “os primeiros froitos ós deuses e ós devanceiros como mostra de agradecemento”. Esta mesma obra engade que esta festa africana e a Kwanzaa “reflicten o mesmo espírito de agradecemento ós devanceiros polas súas bendicións”.

      Kwanzaa

    •  Festa da Metade do Outono. Esta festa celébrase “en honor á deusa lúa” (Holidays, Festivals, and Celebrations of the World Dictionary). Inclúe un ritual no que “as mulleres da casa próstranse ante a deusa, tocando coa testa no chan, en sinal de adoración” (Religions of the World—A Comprehensive Encyclopedia of Beliefs and Practices).

    •  Novruz. “As orixes máis ancestrais desta festividade están no zoroastrismo, sendo un dos días máis sagrados do antigo calendario zoroástrico [...]. O Espírito do Inverno obrigaba ó Espírito do Mediodía, coñecido como Rapithwin, a agocharse baixo terra durante os meses máis fríos. O día de Novruz, a súa volta era celebrada cunha festa segundo a tradición zoroástrica” (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura).

    •  Shab-e Yalda. Esta celebración do solsticio de inverno está “claramente relacionada co culto a Mitra”, o deus da luz (Sufism in the Secret History of Persia). É posible que esta festa estea relacionada coa adoración dos romanos e dos gregos ó deus do sol. b

    •  Acción de Grazas. Igual que a Kwanzaa, esta festa ten a súa orixe en antigos festivais da colleita que se celebraban en honor de varios deuses. Co tempo, “estas ancestrais festas populares foron asimiladas polas relixións cristiás” (A Great and Godly Adventure—The Pilgrims and the Myth of the First Thanksgiving).

     Festividades baseadas na superstición ou na fortuna. A Biblia di que os que lle poñen a mesa á deusa Fortuna abandonan a Deus (Isaías 65:11). Polo tanto, as testemuñas de Xehová non celebramos as seguintes festividades:

    •  Iván Kupala. “Segundo a crenza popular, durante o día de Iván Kupala, a natureza libera os seus poderes máxicos, que poden conseguirse con valentía e sorte”, comenta a obra The A to Z of Belarus. Orixinalmente era unha festa pagá para celebrar o solsticio de verán. Porén, a Encyclopedia of Contemporary Russian Culture di que “a adaptaron á festividade eclesiástica de San Xoán Bautista tras se converteren ó cristianismo”.

    •  Aninovo Lunar (Aninovo Chinés ou Aninovo Coreano). “Nesta época do ano, as familias, parentes e amigos están especialmente preocupados por conseguir boa sorte, presentar os seus respectos ós deuses e ós espíritos, e desexarse boa sorte para o novo ano (Mooncakes and Hungry Ghosts—Festivals of China). Dun xeito semellante, o Aninovo Coreano “consiste en cultos ancestrais, rituais para espantar os malos espíritos e conseguir boa sorte para o ano que comeza, e en realizar augurios para adiviñar que traerá o novo ano” (Encyclopedia of New Year’s Holidays Worldwide).

      Aninovo Chinés

     Festividades baseadas na crenza da alma inmortal. A Biblia afirma con claridade que a alma pode morrer (Ezequiel 18:4). Por este motivo, as testemuñas de Xehová non celebramos as seguintes festas, que promoven a crenza de que a alma é inmortal:

    •  Día de Defuntos. Segundo a New Catholic Encyclopedia, nesta festividade “recórdase a tódalas persoas que xa non están connosco”. A mesma obra engade: “Durante a Idade Media, existía a crenza popular de que as almas que estaban no purgatorio podían aparecerse ese día en forma de fogos fatuos, bruxas, sapos etc. a quen os tratou mal en vida”.

    •  Festival de Qingming ou Ch’ing Ming e Festival da Pantasma Famenta. Ámbolos dous festivais celébranse en honor dos devanceiros. O libro Celebrating Life Customs Around the World—From Baby Showers to Funerals explica que durante o Ch’ing Ming “quéimanse alimentos, bebidas e billetes para asegurarse de que os mortos non pasan fame ou sede e teñen cartos abondo”. Esta obra tamén afirma que “durante o Mes da Pantasma Famenta, existe a crenza de que a conexión entre vivos e mortos é máis forte que en calquera outra noite, en especial cando hai lúa chea, así que é moi importante tomar tódalas medidas necesarias para aplacar os mortos e honrar os devanceiros”.

    •  Chuseok. A obra de consulta The Korean Tradition of Religion, Society, and Ethics di que neste festival “ofrécense comida e viño ás almas dos mortos”. Tales ofrendas reflicten “a crenza de que a alma segue a existir trala morte do corpo”.

     Festividades relacionadas co ocultismo. A Biblia di que Deus considera unha abominación a “quen prediga adiviñacións, quen faga encantamentos, quen lea as sortes nos astros, quen se dea á bruxería” (Deuteronomio 18:10-12). Polo tanto, a fin de non relacionarnos con ningunha forma de ocultismo, incluída a astroloxía (unha forma de adiviñación), as testemuñas de Xehová non celebramos as seguintes festividades:

    •  Aninovo Cingalés e Aninovo Tamil. Os rituais tradicionais relacionados con esta festividade “inclúen certas actividades en momentos considerados astroloxicamente favorables” (Encyclopedia of Sri Lanka).

    •  Songkran. O nome deste festival asiático vén dunha palabra en sánscrito “que significa ‘movemento’ ou ‘cambio’ e sinala o movemento do sol cara á constelación zodiacal de Aries” (Food, Feasts, and Faith—An Encyclopedia of Food Culture in World Religions).

     Celebracións relacionadas coa adoración incluídas na Lei de Moisés, abolida polo sacrificio de Xesús. A Biblia di que “a culminación da Lei é Cristo” (Romanos 10:4). Inda que os cristiáns respectan certos principios básicos da Lei de Moisés entregada á antiga nación de Israel, non celebran os seus días festivos, especialmente os que sinalan o Mesías, que para os cristiáns xa chegou. De feito, a Biblia di en Colosenses 2:17 que “estas cousas eran sombra do que estaba para vir; pero a realidade é Cristo”. En vista disto e de que se incorporaron costumes que a Biblia non contempla, as testemuñas de Xehová non celebramos as seguintes festividades, entre outras:

    •  Hanuká. Esta festividade conmemora a reinauguración do templo xudeu de Xerusalén. Porén, a Biblia ensina que Xesús se converteu no Sumo Sacerdote dunha “tenda santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo” (Hebreos 9:11). Para os cristiáns, estas palabras refírense a un templo simbólico que substituíu o templo de Xerusalén.

    •  Rosh Hashanah. Coincide co primeiro día do calendario xudeu. Antigamente, durante esta festividade ofrecíanse sacrificios a Deus (Números 29:1-6). Porén, en calidade de Mesías, Xesucristo fixo “cesa-lo sacrificio maila oblación”, facendo innecesaria esta práctica (Daniel 9:26, 27).

  •   Fomenta os actos interconfesionais?

     O que di a Biblia. “¿Pode o crente ser parceiro do infiel? ¿Que consenso pode haber entre o templo de Deus e mailos ídolos?” (2 Corintios 6:15-17).

     As testemuñas de Xehová procuramos unha convivencia pacífica co próximo e respectamos o dereito de cada persoa a escoller as súas crenzas. Con todo, non participamos en eventos que fomentan os seguintes actos interconfesionais:

     Festividades destinadas á unión de culto entre diferentes relixións e dedicadas a figuras ou sucesos relixiosos. Cando Deus guiou o seu pobo á Terra Prometida, os seus habitantes practicaban outras relixións. Pero Deus díxolle ó seu pobo: “Ti non farás con eles nin cos seus deuses ningún pacto. Tampouco non os deixarás quedar na túa terra, para que non te fagan pecar contra min servindo ós seus deuses, que serán para ti unha trapela” (Éxodo 23:32, 33). Polo tanto, as testemuñas de Xehová non participamos nas seguintes festas:

    •  Loy Krathong. Durante este festival tailandés “a xente confecciona pequenas cuncas con follas nas que colocan candeas ou varas de incenso, e bótanas na auga. Din que estas pequenas embarcacións marchan coa mala sorte. De feito, o festival conmemora unha pegada santa que Buda deixou no río” (Encyclopedia of Buddhism).

    •  Día Nacional do Arrepentimento. Segundo explica un funcionario do goberno en The National, un xornal de Papúa Nova Guinea, os participantes deste evento “aceptan as ensinanzas básicas da fe cristiá”. Esta celebración “contribúe a promover os principios do cristianismo no país”, engade.

    •  Vesak. “Esta é a festa máis sagrada do budismo, xa que celebra o nacemento, iluminación e morte, ou tránsito ó Nirvana, de Buda” (Holidays, Festivals, and Celebrations of the World Dictionary).

      Vesak

     Celebracións baseadas en tradicións relixiosas que a Biblia non ensina. Xesús díxolles ós mestres relixiosos do seu tempo: “Invalidáde-lo mandamento de Deus por mor da vosa tradición”. Tamén lles dixo que o culto que lle rendían a Deus non tiña valor ningún porque a doutrina que ensinaban non eran “máis ca costumes humanos” (Mateo 15:6, 9). As testemuñas de Xehová tomamos moi en serio estas palabras e non celebramos as seguintes festividades:

    •  Reis Magos (Epifanía ou Timkat). Esta festividade conmemora a visita que uns astrólogos de Oriente lle fixeron a Xesús, ou tamén o bautismo de Xesús. Este día “cristianizou certos festivais pagáns de primavera en honor dos deuses das correntes de auga, os ríos e as fontes” (The Christmas Encyclopedia). A orixe da festa etíope de Timkat, unha celebración relacionada, “está moi arraigada na tradición” (Encyclopedia of Society and Culture in the Ancient World).

    •  Día da Asunción da Virxe María. Esta festividade celebra a ascensión da nai de Xesús ós ceos co seu corpo físico. Segundo a obra Religion and Society—Encyclopedia of Fundamentalism, esta crenza “era descoñecida pola igrexa primitiva e non aparece nas Escrituras”.

    •  Festa da Inmaculada Concepción. “A Inmaculada Concepción non se ensina nas Escrituras [...]. É un dogma creado pola Igrexa” (New Catholic Encyclopedia).

    •  Coresma. Segundo a New Catholic Encyclopedia, este período de penitencia e xaxún foi establecido “no século IV”, máis de douscentos anos despois de que a Biblia quedase rematada. Con respecto ó primeiro día de Coresma, ou Mércores de Cinsa, esta enciclopedia engade: “A imposición de cinsas o Mércores de Cinsa prescribiuse a tódolos fieis por orde do sínodo de Benevento no ano 1091”.

    •  Meskel, ou Maskal. Esta festividade etíope conmemora “o achado da Vera Cruz, é dicir, a cruz na que Cristo foi crucificado, acendendo lumaradas e bailando arredor delas”, di a Encyclopedia of Society and Culture in the Medieval World. As testemuñas de Xehová non usamos a cruz para adorar a Deus.

  •   Exalta unha persoa, organización ou símbolo da patria?

     O que di a Biblia. “Así fala o Señor: ‘Maldito o home que confía no home: pon a súa forza na carne, e retira do Señor o seu corazón’” (Xeremías 17:5).

     Inda que nos preocupamos e mesmo oramos polo próximo, as testemuñas de Xehová non participamos en eventos coma os seguintes:

     Festividades en honor dunha figura política ou doutra personalidade relevante. A Biblia di que non confiemos nos seres humanos porque non son máis có alento dos seus narices (Isaías 2:22). Polo tanto, as testemuñas de Xehová non celebramos, por exemplo, o aniversario de nacemento dun soberano.

     Celebracións relacionadas coa bandeira nacional. As testemuñas de Xehová non celebramos o Día da Bandeira. Por que? Porque a Biblia di: “Gardádevos dos falsos deuses” (1 Xoán 5:21). Inda que para algunhas persoas a bandeira non é un ídolo, é dicir, un obxecto de culto, o historiador Carlton J. H. Hayes escribiu: “O nacionalismo é un ritual moderno de fe e o seu principal obxecto de culto é a bandeira”.

     Festividades en honor dun santo. Como reaccionou o apóstolo Pedro cando un home se inclinou perante el? A Biblia di: “Pedro levantouno, dicíndolle: ‘Érguete, que eu tamén son un home’” (Feitos 10:25, 26). Nin Pedro nin os demais apóstolos aceptaban ser tratados de xeito especial ou reverente. Polo tanto, as testemuñas de Xehová non celebramos, entre outras, as seguintes festividades en honor de persoas consideradas santas:

    •  Día de tódolos Santos. Esta festa en honor de tódolos santos “é de orixe descoñecida” (New Catholic Encyclopedia).

    •  Festa da Nosa Señora de Guadalupe. Esta festividade celébrase en honor “da santa patroa de México”, que algúns cren que é María, a nai de Xesús. Disque se lle apareceu milagrosamente a un labrego no ano 1531 (The Greenwood Encyclopedia of Latino Literature).

      Festa da Nosa Señora de Guadalupe

    •  Onomástica ou Santo. “Día en que se celebra a festa do santo ou da santa de quen se leva o nome ó bautizarse ou ó confirmarse”, di o libro Celebrating Life Customs Around the World—From Baby Showers to Funerals. A mesma obra engade que “este día ten unha forte compoñente relixiosa”.

     Celebracións de movementos políticos ou sociais. A Biblia di: “Mellor é acollerse ó Señor que fiarse dos homes. Mellor é acollerse ó Señor que fiarse dos grandes” (Salmos 118:8, 9). Para non darmos a impresión de que confiamos en que a humanidade resolverá os problemas do mundo, as testemuñas de Xehová non participamos en eventos que apoian campañas políticas ou sociais, como o Día Internacional da Xuventude ou o Día Internacional da Muller. Pola mesma razón, tampouco celebramos o Día da Emancipación, común nalgunhas antigas colonias, nin festividades semellantes. Máis ben confiamos en que o Reino de Deus acabará co racismo e a desigualdade (Romanos 2:11; 8:21).

  •   Exalta un grupo étnico ou nación por riba dos demais?

     O que di a Biblia. “Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa” (Feitos 10:34, 35).

     As testemuñas de Xehová estimamos a nosa terra natal. Porén, non participamos en eventos que exalten certa nación ou grupo étnico, como por exemplo os seguintes:

     Eventos en honor das forzas armadas. No canto de promover a guerra, Xesús díxolles ós seus seguidores: “Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen” (Mateo 5:44). Polo tanto, as testemuñas de Xehová non participamos en celebracións en honor de soldados, incluídas as seguintes:

    •  Día de Anzac. A obra de consulta Historical Dictionary of Australia explica que “Anzac son as siglas para Corpo das Forzas Armadas de Australia e Nova Zelandia”. A mesma obra engade que esta festividade “evolucionou ata converterse nun día en honor de tódolos caídos en combate”.

    •  Día dos Veteranos (Día para Recordar, Domingo da Lembranza ou Día dos Caídos en Guerra). Esta festividade estadounidense celébrase en memoria dos “veteranos das forzas armadas que morreron en combate nas guerras libradas polo seu país” (Encyclopædia Britannica).

     Celebracións da historia ou da independencia dunha nación. Xesús dixo o seguinte dos seus discípulos: “Eles non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo” (Xoán 17:16). Inda que nos interesa a historia do noso país, as testemuñas de Xehová non celebramos as seguintes festividades:

    •  Día de Australia. Segundo a Worldmark Encyclopedia of Cultures and Daily Life, esta festividade conmemora “o día no que os soldados ingleses izaron a bandeira e declararon Australia unha nova colonia no ano 1788”.

    •  Guy Fawkes Day. Este “día é unha celebración nacional e conmemora o intento de atentado perpetrado por Guy Fawkes e outros simpatizantes católicos, que pretendían facer estoupar o Parlamento Británico e matar o rei Xacobe I en 1605” (A Dictionary of English Folklore).

    •  Día da Independencia. En varias nacións celébrase “unha festividade que conmemora o día en que o seu país se independizou doutro” (Merriam-Webster’s Unabridged Dictionary).

  •   Caracterízase polos excesos ou condutas sexuais impropias de cristiáns?

     O que di a Biblia. “Pois o tempo pasado foi máis que de abondo para vivirdes vós en plan pagán, afeitos como estabades á luxuria e ós vicios, ás orxías, esmorgas, borracheiras e infames idolatrías” (1 Pedro 4:3).

     As testemuñas de Xehová non participamos en festas descontroladas nas que se abusa do alcohol. Porén, gústanos pasar tempo cos amigos e, se bebemos alcohol, facémolo con moderación. Procuramos poñer en práctica o seguinte consello da Biblia: “Tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus” (1 Corintios 10:31).

     Polo tanto, as testemuñas de Xehová non participamos en entroidos ou festivais semellantes que promoven condutas reprobadas pola Biblia. Isto inclúe o festival xudeu de Purim. Inda que durante moito tempo esta festa conmemoraba que o pobo xudeu se librara dunha orde de exterminio no século V a. n. e., actualmente “podería considerarse a resposta xudía ó Mardi Gras ou Entroido”, afirma o libro Essential Judaism. Moitos dos que participan nesta esmorga “van disfrazados, a miúdo travestidos, beben en exceso, descontrólanse e montan moito barullo”.

 Inda que as testemuñas de Xehová non celebren certas festas, seguen querendo os seus familiares?

 Si. A Biblia ensina que debemos amar e respectar a toda a familia, sen importar as súas crenzas (1 Pedro 3:1, 2, 7). É comprensible que, cando unha testemuña de Xehová deixa de asistir a certas festas, algúns parentes se sintan incomodados, feridos ou mesmo traizoados. Por iso moitas testemuñas de Xehová buscan a maneira de demostrarlles ós seus familiares que os queren, explícanlles respectuosamente os motivos das súas decisións e pasan tempo con eles noutros momentos.

 Dinlles as testemuñas de Xehová a outras persoas que non deben celebrar certas festas?

 Non. Cremos que cada persoa é libre de tomar as súas propias decisións (Xosué 24:15). As testemuñas de Xehová temos “consideración con todo o mundo”, sen importar as súas crenzas relixiosas (1 Pedro 2:17).

a Este artigo non inclúe tódalas festas que as testemuñas de Xehová non celebran nin tódalas pasaxes bíblicas a ter en conta.

b K. E. Eduljee: Mithra, Mithraism, Christmas Day & Yalda, páxinas 31-33.