Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 10

Como inflúen en nós os seres espirituais?

Como inflúen en nós os seres espirituais?
  • Poden axudarnos os anxos?

  • Como inflúen os demos nas persoas?

  • Hai algunha razón para ter medo dos espíritos malvados?

1. Por que deberiamos estar interesados en coñecer mellor os anxos?

COÑECER ben a unha persoa normalmente inclúe saber algo da súa familia. De forma similar, coñecer ben a Xehová implica saber quen é a súa familia de anxos fieis. Cal é o seu lugar no propósito de Deus? Interviñeron dalgunha maneira na historia humana? Como poden influír na túa vida?

2. Quen creou os anxos, e cantos hai?

2 A Biblia refírese ós anxos centos de veces. Analicemos algunhas destas referencias para aprender máis acerca deles. Quen creou os anxos? Colosenses 1:16 menciona: “E por medio del [Xesucristo] fixéronse as cousas, as da terra e tamén as do ceo”. Polo tanto, os anxos foron creados por Xehová mediante o seu Fillo Primoxénito. Cantos anxos hai? A Biblia indica que existen centos de millóns, todos eles moi poderosos (Salmo 103:20). *

3. Que aprendemos dos anxos na pasaxe de Xob 38:4-7?

3 A Biblia di que, cando a Terra foi creada, os anxos aturuxaron, ou clamaron, da felicidade que sentiron (Xob 38:4-7). Por iso sabemos que os anxos existen dende moito antes de que os humanos fosen creados, incluso antes da formación da Terra. Esta pasaxe tamén demostra que os anxos teñen sentimentos, xa que todos aturuxaron en sinal de alegría. Naquel tempo, tódolos anxos eran parte dunha familia unida que servía a Xehová.

ANXOS QUE NOS AXUDAN E NOS PROTEXEN

4. Como mostra a Biblia que os anxos fieis están moi interesados no que fan os seres humanos?

4 Dende o mesmo momento da creación dos primeiros humanos, os anxos fieis teñen demostrado gran interese na crecente familia humana, e no cumprimento do propósito de Deus (Proverbios 8:31; 1Pedro 1:11, 12). Pero co paso do tempo, estas criaturas espirituais puideron observar como a maioría dos seres humanos deixaron de servir o seu Creador, o que sen dúbida entristeceu moito os anxos fieis. Por outra banda, a Biblia indica que “se alegran os anxos” cando unha persoa se arrepinte e volve a Xehová (Lucas 15:10). Xa que os anxos se preocupan tanto polo benestar daqueles que serven a Deus, non sorprende o feito de que Xehová os usase unha e outra vez para fortalecer e protexer os Seus servos leais na Terra (le Hebreos 1:7, 14). Examinemos algúns exemplos.

“O meu Deus mandou o seu anxo a pecha-la boca dos leóns” (Daniel 6:23 [6:22, NM])

5. Que exemplos de apoio por parte dos anxos atopamos na Biblia?

5 Cando Deus destruíu as malvadas cidades de Sodoma e Gomorra, o xusto Lot e as súas fillas sobreviviron porque dous anxos os sacaron daquela zona (Xénese 19:15, 16). Séculos máis tarde, uns homes botaron o profeta Daniel nunha fosa chea de leóns, pero puido saír sen dano ningún. O mesmo Daniel conta como foi: “O meu Deus mandou o seu anxo a pecha-la boca dos leóns” (Daniel 6:23 [6:22NM]). No primeiro século da nosa era, un anxo tamén liberou o apóstolo Pedro dunha prisión (Feitos 12:6-11). Noutra ocasión, algúns anxos animaron a Xesús ó comezo do seu servizo a Deus na Terra (Marcos 1:13). E pouco antes de que Xesús morrese, aparecéuselle outro anxo “para confortalo” (Lucas 22:43). Canto alentarían a Xesús esas ocasións tan especiais, verdade?

6. a) Como protexen os anxos o pobo de Deus hoxe en día? b) Que preguntas responderemos a continuación?

6 Hoxe en día, os anxos xa non se lles aparecen ós servos de Deus que están na Terra. Non obstante, estes anxos aínda están a protexer o pobo de Deus, especialmente de calquera dano espiritual. A Biblia afirma: “O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis e dálles seguridade” (Salmo 34:8 [34:7NM]). Por que nos deberían animar estas palabras? Porque hai outros anxos malvados que queren acabar con nós. Quen son? De onde saíron? Como intentan facernos mal? Para responder estas preguntas, analicemos brevemente algo que ocorreu no inicio da historia humana.

SERES ESPIRITUAIS QUE SON OS NOSOS INIMIGOS

7. A cantos humanos conseguiu Satán afastar de Deus?

7 Segundo aprendemos no capítulo 3, un dos anxos permitiu que o desexo de gobernar a outros medrase nel, e acabou volvéndose en contra de Deus. Co tempo, a este anxo chegóuselle a coñecer como Satán (Apocalipse 12:9). Despois de enganar a Eva, durante uns 1600 anos Satán conseguiu afastar de Deus a case tódolos seres humanos, salvo a algunhas persoas fieis, como Abel, Henoc e Noé (Hebreos 11:4, 5, 7).

8. a) Como chegaron algúns anxos a converterse en demos? b) Que tiveron que facer os demos para sobrevivir ó diluvio dos días de Noé?

8 Nos días de Noé, outros anxos tamén se rebelaron contra Xehová. Abandonaron o ceo, baixaron á Terra, e tomaron forma de homes. Por que? Xénese 6:2 explícao: “En vendo os fillos de Deus que as fillas dos homes eran belas, tomaron de entre elas mulleres, como ben lles parecía”. Pero Xehová non permitiu que estes anxos continuasen a corromper a humanidade. Por iso, trouxo un diluvio que borrou da Terra a tódalas persoas malvadas, deixando con vida só os Seus servos fieis (Xénese 7:17, 23). Como consecuencia, os anxos rebeldes, ou demos, víronse obrigados a deixar os seus corpos materiais, e tiveron que volver ó ceo como criaturas espirituais. Deste xeito, puxéronse do lado de Satán, quen chegou a ser o seu “xefe” (Mateo 9:34).

9. a) Que lles pasou ós demos cando regresaron ó ceo? b) Que examinaremos acerca dos demos?

9 Cando estes anxos rebeldes regresaron ó ceo, non puideron volver a ser parte da familia de anxos fieis de Xehová, como lle pasara a Satán (2Pedro 2:4). A pesar de que xa non poden ter corpos de carne e óso, aínda exercen unha terrible influencia sobre as persoas. De feito, coa axuda destes demos, Satán está a “extraviar a tódolos homes” (Apocalipse 12:9; 1Xoán 5:19). Como? Principalmente, os demos utilizan estratexias deseñadas para enganar a xente (le 2Corintios 2:11). Examinemos a continuación algunhas destas estratexias.

COMO ENGANAN OS DEMOS

10. Que é o espiritismo?

10 Para enganar a xente, os demos utilizan o espiritismo. A práctica do espiritismo implica entrar en contacto cos demos, ben dunha maneira directa ou a través dun médium, como unha bruxa ou unha meiga. A Biblia condena o espiritismo e advírtenos que non teñamos nada que ver con esta práctica (Gálatas 5:19-21). O espiritismo é para os demos o mesmo que un cebo para un pescador. Un pescador usa diferentes cebos, ou carnadas, para pescar diversas clases de peixes. De forma parecida, os demos usan diferentes clases de espiritismo para poñer a todo tipo de persoas baixo a súa influencia.

11. Que é a adiviñación, e por que deberiamos evitala?

11 Un tipo de cebo que os demos usan é a adiviñación. Que é a adiviñación? É unha práctica que consiste en tratar de saber que vai pasar no futuro, ou descubrir algo que se descoñece. Entre algunhas formas de adiviñación están a astroloxía, botar as cartas do tarot, ler a man, ou a busca de sinais nos soños. Aínda que moitas persoas pensan que a adiviñación non fai mal ningún, a Biblia mostra que os adiviños e mailos demos traballan xuntos. Por exemplo, en Feitos 16:16-18 descríbese como un “espírito de adiviña” facía que unha rapaza realizase adiviñacións. Pero cando o demo saíu dela, a rapaza perdeu esa facultade.

Os demos usan moitas estratexias para enganar a xente

12. Por que é perigoso intentar comunicarnos cos mortos?

12 Os demos tamén enganan as persoas cando as animan a comunicarse cos mortos. A miúdo, confúndese con ideas erróneas sobre o estado dos mortos ás persoas que están a chorar por algún dos seus seres queridos. Un médium espiritista quizais lles dea información pouco coñecida sobre o defunto, ou mesmo poida que fale cunha voz semellante á do morto. Como consecuencia, moitas persoas chegan a estar convencidas de que os mortos en realidade están vivos, e pensan que comunicarse con eles poderá axudarlles a sentirse menos tristes pola súa perda. Pero esta clase de consolo é falsa e perigosa. Por que? Porque os demos poden imitar a voz dunha persoa que morreu, e darlles ós médiums información sobre o defunto (1Samuel 28:3-19). Ademais, como aprendemos no capítulo 6, cando unha persoa morre deixa de existir (Salmo 115:17). Por iso, calquera que intente comunicarse co “espírito dos mortos” está a ser enganado polos demos, e está actuando en contra da vontade de Deus (le Deuteronomio 18:10, 11; Isaías 8:19). Polo tanto, é importante que teñas coidado e evites calquera destes cebos que os demos usan para enganarnos.

13. Que fixeron moitos para liberarse do medo ós demos?

13 Os demos non só enganan a xente, senón tamén a atemorizan. Satán e os seus demos saben que teñen “pouco tempo” antes de que sexan eliminados da Terra; por iso son máis crueis que nunca antes (Apocalipse 12:12, 17). A pesar disto, miles de persoas que algunha vez viviron con medo dos espíritos malvados, puideron liberarse deles. Como o conseguiron? Que pode facer unha persoa que xa está envolta en prácticas espiritistas?

COMO RESISTIR A INFLUENCIA DOS DEMOS

14. Que exemplo nos puxeron os cristiáns de Éfeso do primeiro século sobre como liberarnos dos demos?

14 A Biblia ensínanos como defendernos dos demos, e como liberarnos deles. Analicemos o exemplo dos cristiáns do primeiro século que vivían na cidade de Éfeso. Algúns deles practicaban o espiritismo antes de facerse cristiáns. Cando decidiron liberarse do espiritismo, que fixeron? A Biblia relata: “E moitos dos que foran meigos levaban os libros e queimábanos diante de todos” (Feitos 19:19). Ó destruír aqueles libros, estes cristiáns puxeron o exemplo para tódolos que queiran defenderse dos espíritos malvados. Quen desexe servir a Xehová, debería desfacerse de todo o que estea relacionado co espiritismo. Poderían ser libros, revistas, películas, pósters ou música que animen a practicar o espiritismo, ou que fagan que pareza atraínte ou emocionante. Tamén se inclúen os amuletos, ou talismáns, empregados como protección contra o mal (1Corintios 10:21).

15. Que deberiamos facer para defendernos dos demos?

15 Algúns anos despois de que os cristiáns de Éfeso queimasen os seus libros de maxia, o apóstolo Paulo escribiu que tiñan unha loita “contra os espíritos do mal” (Efesios 6:12). Os demos non se deron por vencidos. Seguiron intentando controlar a vida daqueles cristiáns. Que máis necesitaban facer? Paulo indicoulles: “Tede sempre no brazo o escudo da fe, que con el poderedes apagar tódolos dardos incendiarios do maligno [Satán]” (Efesios 6:16). Canto máis forte sexa o noso escudo da fe, mellor poderemos defendernos dos espíritos malvados (Mateo 17:20).

16. Como podemos facer máis forte a nosa fe?

16 Entón, como podemos facer máis forte a nosa fe? Estudando a Biblia. Para que un muro sexa sólido, debe ter uns bos cimentos. Da mesma maneira, a fortaleza da nosa fe depende moito da solidez do seu fundamento: o coñecemento exacto da Palabra de Deus. Se lemos e estudamos a Biblia tódolos días, a nosa fe será cada vez máis forte. Coma un muro sólido, a nosa fe será un escudo que nos protexerá dos espíritos malvados (1Xoán 5:5).

17. Que máis debemos facer se queremos protexernos dos demos?

17 Que máis tiveron que facer os cristiáns de Éfeso? Xa que vivían nunha cidade controlada polos demos, necesitaban aínda máis protección. Por iso, Paulo aconselloulles que, “con toda clase de oracións e de súplicas”, seguisen “orando decote no Espírito” (Efesios 6:18). Nós tamén estamos a vivir nun mundo controlado polos demos. Polo tanto, é fundamental rogarlle a Xehová que nos protexa para que poidamos resistir os ataques dos espíritos malvados. Algo moi importante é usar o nome de Deus, Xehová, nas nosas oracións (le Proverbios 18:10). Deberiamos pedirlle tódolos días que nos libre “do Malo”, é dicir, de Satán (Mateo 6:13). Xehová de certo contestará tales oracións (Salmo 145:19).

18, 19. a) Por que podemos estar seguros da nosa vitoria sobre os espíritos malvados? b) Que cuestión se contestará no seguinte capítulo?

18 É certo que os demos son perigosos. Pero, se nos opoñemos a Satán e nos achegamos a Deus facendo a Súa vontade, non temos por que lles ter medo (le Santiago 4:7, 8). O poder destes espíritos malvados é limitado. Algúns deles xa foron castigados nos días de Noé, e no futuro recibirán o seu xuízo final (Xudas 6). Ademais, recorda que contamos coa protección dos anxos fieis (2Reis 6:15-17). A estes anxos gustaríalles moito ver que logramos resistir os demos e, por así dicilo, anímannos para que o consigamos. Polo tanto, acheguémonos a Xehová e á súa familia de anxos fieis. Esforcémonos tamén por evitar calquera forma de espiritismo, e poñamos sempre en práctica os consellos da Palabra de Deus (1Pedro 5:6, 7; 2Pedro 2:9). Entón poderemos estar seguros de que venceremos na nosa loita contra os espíritos malvados.

19 Pero, por que Deus permite que os demos causen tanto sufrimento á xente? Esta cuestión contestarase no seguinte capítulo.

^ par.2 Respecto dos anxos fieis, Apocalipse 5:11 afirma: “O número deles era de milleiros e milleiros”, ou “miríadas de miríadas” (nota). A Biblia indica desta maneira que existen centos de millóns de anxos.