Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 9

Estamos vivindo nos “días derradeiros”?

Estamos vivindo nos “días derradeiros”?
  • Que sucesos dos nosos días foron preditos na Biblia?

  • Como di a Biblia que serían as persoas nos “días derradeiros”?

  • Que sucesos positivos predixo a Biblia que ocorrerían nos “días derradeiros”?

1. Onde podemos atopar información sobre o futuro?

ALGUNHA vez vendo as noticias da televisión te preguntaches onde iría parar este mundo? As traxedias suceden tan de repente que ningún ser humano pode saber o que ocorrerá mañá (Santiago 4:14). Non obstante, Xehová si que o sabe (Isaías 46:10). Hai moito tempo, na súa Palabra, a Biblia, Deus predixo non só todo o malo que está a suceder, senón tamén as cousas marabillosas que terán lugar nun futuro próximo.

2, 3. Que lle preguntaron a Xesús os seus discípulos, e que lles respondeu?

2 Cando estivo na Terra, Xesucristo falou do Reino de Deus, o cal conseguirá poñer fin á maldade e fará do noso planeta un paraíso (Lucas 4:43). A xente daquel tempo quería saber cando viría ese Reino. De feito, os seus discípulos preguntáronlle cal sería o sinal da súa chegada e da fin do mundo tal e como o coñecemos agora (Mateo 24:3). En resposta, Xesús díxolles que só Xehová sabía o momento exacto no que acontecería a fin deste mundo malvado (Mateo 24:36). Pero Xesús si predixo o que ocorrería na Terra xusto antes de que o Reino trouxese verdadeira paz e seguridade á humanidade. E o que predixo entón está a suceder agora.

3 Antes de analizar as probas de que estamos a vivir durante a fin do mundo tal e como o coñecemos, examinemos brevemente unha guerra que ningún humano puido presenciar. Tivo lugar no ceo, pero os seus resultados aféctannos a todos.

UNHA GUERRA NO CEO

4, 5. a) Que ocorreu no ceo pouco despois de que Xesús fose nomeado Rei? b) Segundo Apocalipse 12:12, que consecuencias tivo a guerra que aconteceu no ceo?

4 No capítulo anterior explicouse como Xesucristo comezou a reinar no ceo en 1914 (le Daniel 7:13, 14). Pouco despois, Xesús pasou á acción; a Biblia describe como: “E produciuse unha guerra no ceo; Miguel [outro nome de Xesús] e os seus anxos combateron contra o dragón [Satán]. O dragón combatía cos seus anxos”. * Satán e os seus anxos malvados, os demos, perderon esa guerra e foron botados do ceo á Terra. Os anxos fieis alegráronse moito de que Satán e os seus demos xa non estivesen no ceo. Pero os humanos non se ían alegrar tanto. Así o expresa a Biblia: “¡Pobre terra e pobre mar! Porque baixou Satán onda vós. Baixou adoecido porque sabe que ten pouco tempo” (Apocalipse 12:7, 9, 12).

5 Fíxate nas consecuencias desta guerra celestial. Satán, cheo de ira, causaría moitos problemas na Terra. Como veremos, agora estamos a vivir nese difícil período. Pero será relativamente “pouco tempo”, e o Demo tamén o sabe. A Biblia refírese a este período de tempo como os “días derradeiros” (2Timoteo 3:1). Canto nos alegramos de que, moi pronto, Deus vaia eliminar a influencia de Satán da Terra, verdade? Analicemos algunhas das predicións da Biblia que se están a cumprir nos nosos días. Esta análise confirmaranos que estamos vivindo nos derradeiros días, e que o Reino de Deus moi pronto traerá bendicións eternas a aqueles que aman a Xehová. Pero primeiro, examinemos catro aspectos do sinal que deu Xesús e que caracterizarían os nosos días.

SUCESOS DESTACADOS DOS DÍAS DERRADEIROS

6, 7. Como se están a cumprir as palabras de Xesús sobre as guerras e a fame?

6 “Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino” (Mateo 24:7). Nos últimos cen anos, millóns de persoas morreron por mor das guerras. Un historiador británico escribiu: “O século XX foi o máis sanguento da historia. [...] Foi un século de guerra case continua, con poucos e breves períodos de tempo sen conflitos armados en ningún lugar”. Un informe do Instituto Worldwatch indicou: “No século XX morreron tres veces máis persoas por causa da guerra, que os que morreron en tódalas guerras dende o século I ata 1899”. Máis de cen millóns de persoas morreron debido ás guerras dende 1914. Aínda que coñezamos a dor que supón perder a un ser querido na guerra, tan só podemos imaxinar a tristeza e o sufrimento provocados pola morte de millóns de persoas.

7 “Haberá fame” (Mateo 24:7). Algúns investigadores afirman que a produción de alimentos aumentou nos últimos trinta anos. Aínda así, segue a haber fame no mundo porque moita xente non ten cartos dabondo para mercar alimentos, ou terra para cultivalos. Nos países en desenrolo, máis de mil millóns de persoas viven con un dólar ou menos ó día. A maioría destas persoas sofren de fame crónica. Segundo a Organización Mundial da Saúde, estímase que a desnutrición é unha das principais causas da morte de máis de cinco millóns de nenos cada ano.

8, 9. Como sabemos que as profecías de Xesús sobre os terremotos e as pestes se están a cumprir?

8 “Haberá grandes terremotos” (Lucas 21:11). De acordo co Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos, espéranse uns dezanove grandes terremotos cada ano; estes terremotos serán o suficientemente fortes como para causar danos en edificios e fender a terra. De feito, case cada ano hai terremotos tan fortes que causan a destrución total de edificios. Tamén existen rexistros que mostran que máis de dous millóns de persoas perderon a vida a causa dos terremotos ocorridos dende 1900. Unha fonte afirma: “Os adiantos tecnolóxicos reduciron moi pouco a cantidade de vítimas”.

9 “Haberá [...] pestes” (Lucas 21:11). A pesar dos avances na medicina, enfermidades novas e vellas son unha praga para a humanidade. Un informe sinala que vinte das enfermidades coñecidas, como a tuberculose, a malaria e o cólera, son aínda máis comúns nas décadas recentes; incluso algunhas clases de enfermidades cada vez son máis difíciles de curar con medicamentos. De feito, apareceron como pouco trinta novas enfermidades, algunhas das cales son mortais e aínda non teñen cura.

A XENTE DOS DERRADEIROS DÍAS

10. Que características do predito en 2Timoteo 3:1-5 ves hoxe na xente?

10 Ademais de predicir a maioría dos acontecementos mundiais, a Biblia tamén indicou que os derradeiros días estarían marcados por un cambio na sociedade humana. A Biblia afirma o seguinte: “Nos días derradeiros haberá intres difíciles” (le 2Timoteo 3:1-5). O apóstolo Paulo sinalou que, entre outras cousas, a xente sería:

  • fachendosa

  • avariciosa

  • mal guiada cos seus pais

  • sen caridade

  • desamorada

  • ríspeta, ou de mal carácter

  • máis amante do pracer ca de Deus

  • con aparencia de piedade, pero arrenegando da verdadeira forza da mesma

11. Como describe o Salmo 92:8 o que lles pasará ós malvados?

11 Cres que na túa zona hai xente que tornou así? Sen dúbida hai xente así en todas partes. Isto demostra que Deus pronto actuará, tal como di a Biblia: “Se medran os malfeitores coma a herba, se os malvados florecen, serán destruídos para sempre” (Salmo 92:8 [92:7NM]).

ACONTECEMENTOS POSITIVOS

12, 13. Como aumentou o verdadeiro coñecemento nestes días derradeiros?

12 Os derradeiros días están cheos de problemas e sufrimento, xusto como a Biblia predixo. Non obstante, a pesar do mundo no que vivimos, para os servos de Xehová ocorren cousas positivas.

13 “E aumentarán o seu saber”, predixo o libro de Daniel referíndose ó verdadeiro coñecemento sobre Deus. E cando ocorrería? Durante “o momento final” (Daniel 12:4). En especial dende 1914, Xehová está a axudar a entender mellor a Súa Palabra, a Biblia, a todos aqueles que desexan servilo de corazón. Grazas a isto, poden comprender máis e máis verdades sobre o nome de Deus e o seu propósito, o sacrificio de rescate de Xesucristo, o estado dos mortos, e a resurrección. Ademais, os adoradores de Xehová aprenden como vivir dunha maneira que os beneficie e que glorifique a Deus. Tamén entenden mellor o papel do Reino de Deus, e que fará para arranxar os problemas da Terra. Que fan con todo este coñecemento? Esta pregunta lévanos a outra profecía que tamén se está a cumprir nestes derradeiros días.

“Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a tódolos pobos” (Mateo 24:14)

14. Ata onde chega a predicación do Reino hoxe en día, e quen leva a cabo este labor?

14 “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a tódolos pobos”, predixo Xesús falando sobre a fin do mundo de Satán (le Mateo 24:3, 14). Por toda a Terra, a Boa Nova do Reino, é dicir, que é o Reino, que fará, e como podemos recibir as súas bendicións, estase a predicar en máis de 230 países en centos de idiomas. Millóns de testemuñas de Xehová, procedentes de “tódalas nacións, tribos, pobos e linguas”, predican con entusiasmo estas boas noticias do Reino (Apocalipse 7:9). De maneira gratuíta, as testemuñas de Xehová estudan con millóns de persoas que desexan saber o que realmente ensina a Biblia. Non é impresionante ver cumprirse esta profecía, especialmente cando sabemos que Xesús predixo que os auténticos cristiáns serían aborrecidos por todos pola súa causa? (Lucas 21:17).

QUE FARÁS TI?

15. a) Cres que estamos a vivir nos derradeiros días, e por que? b) Que significará “a fin” para aqueles que se opoñan a Xehová, e para tódolos que se sometan á gobernación do Reino de Deus?

15 Xa que tantas profecías da Biblia se están a cumprir no noso tempo, non cres que estamos a vivir nos derradeiros días? Logo de que a Boa Nova se predique ó grao que Xehová desexe, virá “a fin” (Mateo 24:14). “A fin” refírese ó tempo no que Deus borrará a maldade da Terra. Tódolos que voluntariamente se opoñen a Xehová, serán eliminados por Xesús e os seus poderosos anxos (2Tesalonicenses 1:6-9). Satán e os seus demos xa non enganarán máis as nacións. Despois diso, o Reino de Deus verterá incontables bendicións sobre tódolos que se sometan á súa xusta gobernación (Apocalipse 20:1-3; 21:3-5).

16. Que sería sensato que fixeses?

16 Dado que a fin do mundo de Satán está cerca, cómpre preguntarnos: “Que debería estar facendo eu?”. O sensato é seguir aprendendo máis acerca de Xehová e do que espera de nós (Xoán 17:3). Trata de ser un estudante aplicado da Biblia. É un bo costume que asistas ás reunións xunto con outros que tamén se esforzan por facer a vontade de Deus (le Hebreos 10:24, 25). Se chegas a coñecer a Xehová estudando a Súa Palabra e fas os cambios necesarios na túa vida, poderás recibir a aprobación de Deus (Santiago 4:8).

17. Por que a destrución dos malvados collerá a moitos por sorpresa?

17 Xesús predixo que a maioría da xente non faría caso ás probas de que estamos a vivir nos derradeiros días. A destrución dos malvados chegará de maneira rápida e sen previo aviso. Collerá a moitos por sorpresa, coma un ladrón que entra nas casas pola noite (le 1Tesalonicenses 5:2). Xesús advertiu: “Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home” (Mateo 24:37-39).

18. Que advertencia de Xesús deberiamos tomar a peito?

18 Por esta razón, Xesús advertiu: “Tede conta de vós mesmos; non sexa que vos atordoedes na borracheira, na libertinaxe e nas preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá coma un lazo sobre tódolos que habitan a terra. Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home” (Lucas 21:34-36). É moi sensato tomar a peito as palabras de Xesús. Por que? Porque aqueles que teñan a aprobación de Xehová e do “Fillo do Home”, Xesucristo, terán a perspectiva de sobrevivir ó fin do mundo de Satán, e de desfrutar para sempre no marabilloso novo mundo que tan cerquiña está (Xoán 3:16; 2Pedro 3:13).

^ par.4 Se desexas saber por que a Xesús tamén se lle chama Miguel, podes consultar o apéndice titulado “Quen é o arcanxo Miguel?”.